Os portos de titularidade autonómica da ría de Noia recibiron 294 barcos en tránsito durante o pasado mes de xullo. Así o comunicou o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, nunha visita ás instalacións deportivas de Portosín, no municipio de Porto do Son.
Segundo datos facilitados polos propios xestores, as dársenas de Muros e Portosín incrementaron nun 50% de media o número de embarcacións en tránsito respecto ao mesmo período do ano anterior, no que recalaran nesta ría 196 barcos destas características. En concreto, Muros recibiu este xullo 226 embarcacións en tránsito, fronte a 162 en xullo de 2015; e Portosín 68, fronte as 34 do pasado ano.
Deste xeito, a ría de Noia confirma a consolidación desta actividade portuaria que experimentara xa o pasado ano un importante ascenso no mes de xullo e que no que vai de ano está a manter os bos resultados. Non en van, o conxunto dos peiraos autonómicos de Galicia rexistraron no citado mes preto dos 2400 tránsitos, un 3,5 % máis que o ano pasado.
Durante a súa visita a Porto do Son, Durán Hermida lembrou a importante repercusión desta actividade para a economía local dos municipios costeiros .