Ampliado ata o 30 de setembro o prazo de solicitudes para axudas de autoemprego e creación de empresas por parte de emigrantes retornados, e ata o 31 de outubro o de presentación de documentación xustificativa

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Secretaría Xeral da Emigración pola que se amplían os prazos de presentación de solicitudes e de xustificación para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas, na súa convocatoria do presente ano, ata o vindeiro día 30 de setembro. Amplíase asemade o prazo para presentación de xustificacións ata o 31 de outubro.
Estas subvencións, cun orzamento global de 150.000 euros e un tope máximo de 8.000 por solicitude, son compatibles e complementarias coas axudas establecidas -para todas as fases de emprendemento- para a poboación galega xeral da Consellería de Economía, Emprego e Industria -tanto a través da Secretaría Xeral de Emprego coma do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE)- e tamén as doutras administracións e entidades privadas.
Un dos aspectos máis salientables destas axudas é que, ademais de garantir o autoemprego para a persoa retornada, implican na maioría dos casos a creación ou consolidación de empregos directos e indirectos na localidade onde se implanta a nova empresa. Xéranse por tanto non só novos postos de traballo, senón maior mobilidade financeira local, e axúdase ao pulo da economía da zona. Asemade, incentívase a recuperación da poboación na Galicia territorial e, nalgúns casos, a fixación en territorios con descenso demográfico.

A contía tope da axuda é de 4.000 euros para autónomos e 6.000 para sociedades laborais ou cooperativas, en ambos casos con 1.000 euros a maiores se a persoa solicitante ten 39 anos ou menos e outros 1.000 máis se a persoa solicitante é muller.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.