A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, aprobou os documentos de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP) dos portos coruñeses de Portosín (Porto do Son) e Lorbé (Oleiros). O Consello de Administración do ente público ratificou ambos documentos na súa última sesión, que recollen o ordenamento do solo e a distribución das actividades que se desenvolven no dominio público portuario.
Os documentos, os cales incorporan tódolos estudos medioambientais preceptivos, foron elaborados polo propio ente público cunha dobre finalidade. Por unha banda, definir a delimitación interior e exterior do dominio portuario e, pola outra, asignar os usos correspondentes a cada unha das diferentes zonas do porto. Entre ditos usos establécense os correspondentes á actividade profesional, náutico recreativa e complementaria, incluíndo neste as actividades loxísticas de almacenaxe ou reparación e as que corresponden a empresas industriais ou comerciais; e, finalmente, uso para infraestruturas básicas do porto.
Portos de Galicia está impulsando a redacción e tramitación destes documentos que permiten o desenvolvemento portuario ordenado. Na actualidade conta con 28 DEUP xa aprobados e 4 en tramitación.
A Delimitación de Espazos e Usos Portuarios é unha actuación encamiñada a mellorar a relación entre os portos e as vilas que os acollen. Deste xeito, Portos de Galicia avanza na cohesión entre o tecido urbano e as infraestruturas portuarias, de modo que poidan beneficiar aos usuarios directos e ao conxunto da cidadanía. Así mesmo, establece unha planificación e zonificación das diferentes actividades que conviven no peirao, a medio e longo prazo.