A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, anunciou que o decreto de emerxencias que permitirá paliar os danos producidos nesta vaga de incendios irá en breve a Consello da Xunta, co obxectivo de comezar canto antes a traballar. As achegas virán de fondos de Vicepresidencia, Facenda, Medio Ambiente e Medio Rural. Desta última consellería, sinalou a titular, depende a repoboación dos montes, así como as ordes de axudas para que a capa vexetal do monte non quede desprotexida ante as choivas do inverno. O resto de consellerías faránse cargo de sufragar o arranxo dos danos producidos nas infraestruturas, así como axudas aos afectados.
Hoxe rematou a rolda de reunións de traballo previstas pola Consellería do Medio Rural cos concellos afectados polos lumes forestais nos que se declarou a situación 2 na última vaga de incendios, co fin de valorar os danos e planificar as actuacións. A esta lista sumábase onte o concello de Verín, e co seu alcalde tamén falou Ángeles Vázquez co propósito de que este lle trasladase as súas inquedanzas.
Doutra banda, a conselleira apelou tamén a que os causantes destes sinistros paguen polos danos provocados, en referencia á persoa detida como presunta autora do lume de A Pobra de Trives. Neste senso fixo un chamamento á cidadanía en favor da tolerancia cero cos incendiarios.
https://www.youtube.com/watch?v=HFDZbon2JUw