O lume comezou a calcinar hectáreas no municipio sonense fai dúas semanas. O 16 de agosto, un terzo da corporación municipal de Porto do Son pediu a convocatoria dun pleno extraordinario e urxente. Os grupos da oposición puxéronse dacordo en realizar esta petición que recollía unha serie de puntos entre os que figuraban a creación dunha comisión composta por membros do equipo de goberno e a oposición conxuntamente para analizar e investigar os efectos reais do incendio; fixar datas para levar a cabo xuntanzas coas diferentes entidades afectadas de cada parroquia; ou, promover desde o Concello axudas para a reforestación e servizos sociais, entre outros.
O PP, PSOE, BNG e PORTODOS reuníronse hoxe para someter a votación o carácter urxente de dito pleno, o cal quedou desestimado coa maioría dos populares. Luis Oujo, alcalde de Porto do Son, explicou que tomaron esa decisión pois o seu grupo municipal considera que xa non é urxente porque os lumes xa pasaron e o que se tentaba era avaliar o que xa está feito. Agora, sinalou, o importante é paliar os efectos dos incendios forestais. Por esta razón, a semana pasada mantivo unha xuntanza coa conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, así como con representantes dos montes comunais, veciños, gandeiros e apicultores. Así mesmo, indicou que dende o PP non queren se faga política disto.
Pola súa parte, Ánxela Franco, voceira municipal do BNG, recoñeceu que a fórmula máis axeitada sería convocalo como pleno extraordinario únicamente, sen o carácter de urxencia. De igual xeito, van incluír eses mesmos puntos na moción ao pleno ordinario. Dita decisión foi acordada polos tres grupos da oposición, no cal se atopan o BNG, PSOE e PORTODOS. Na reunión de hoxe tamén presentaron unha serie de acontecementos que catalogan de incidencias por parte do goberno municipal como, por exemplo, a falta de desbroce en numeros zonas e o estado de moitos accesos. Ademais, precisou que o pleno tiña un dobre obxectivo. Primeiro, falar dos incendios que asolagaron ao municipio e, segundo, prever para que esta situación non se volva a repetir. Precisamente, por isto último consideraron oportuno atribuírlle urxencia ao pleno, pois aínda queda moito verán por diante e hai que ser previsores co propósito de evitar que as lapas volvan a Porto do Son.
https://www.youtube.com/watch?v=u1XUtb6Qb5w