A XIV Andaina Popular Concello de Ribeira terá lugar o vindeiro 3 de setembro con tres percorridos alternativos. Así, ao tradicional itinerario de 50 quilómetros do que consta a proba dende o seu nacemento, súmase outro máis asequible de 35 quilómetros e un terceiro, denominado «Xtreme», de 58. A finalidade é satisfacer as pretensións de persoas con distintas condicións físicas.
O concelleiro de Deportes, Anxo Orellán; Moncho Sampedro como responsable da confección da andaina; e Jaime López en representación da Asociación de Veciños de Carreira, organizadora do evento, foron os encargados de ofrecer os detalles dunha actividade que comezará ás 09:00 da mañá no Complexo da Fieiteira e rematará ás 21:00 da noite.
O percorrido principal de 50 quilómetros pasará polo sendeiro da Ameixida, o parque de San Roque, a Pedra das Cabras, o Dolmen de Axeitos, o sendeiro do río Sanchanás ou o parque dunar de Corrubedo, entre outros. O de 35 quilómetros terá como base o anterior, pero contará con atallos para reducir a distancia; en tanto que ao Xtrem engadiránselle zonas de máis dureza e dificultade técnica como a subida á Curota ou ao Tahume.
Toda aquela persoa que desexe participar debe anotarse na páxina web municipal www.riveira.gal, cun custe de 12 euros para as persoas federadas e 16 euros para as non o sexan. O prazo de inscrición estará aberto ata o 1 de setembro e, a partir de entón, haberá un prezo único de 25 euros, puidéndose realizar as inscricións na Oficina de Deportes da Fieiteira.
Moncho Sampedro destacou o propósito de diminuír a pegada ecolóxica sobre o percorrido. Por iso, as clásicas cintas de plástico para marcar o circuíto serán substituídas por outras de tela reutilizables e que, en lugar de vasos de plástico dun só uso, repartiránse outros máis resistentes do tipo dos que son utilizados polos campistas.
Así mesmo, recalcouse que é imprescindible levar teléfono móbil coa batería cargada por se houbese unha incidencia e informouse de que entre as 13 edicións anteriores xa terán participado preto de 3.000 persoas.