A terceira Festa do Polbo que se celebra este sábado e domingo en Palmeira chega con interesantes novidades, como é a celebración paralela dunha feira de artesanía que xa estará aberta dende a tarde do venres, ademais a cita contará con actuacións e actividades diversas ó longo do fin de semana.
Os concelleiros, Emilio Pérez Outeiral e Fabiola García Martínez, foron os encargados de explicar os detalles deste evento.
O taekuondista Álex Vidal será o encargado de ofrecer o pregón o sábado ás 20:00 horas. Tras él, realizarase unha exhibición de taekuondo e ás 22:00 horas actuará a cantante riveirense Mariú. Así mesmo, o domingo á mesma hora haberá unha sesión DJ.
O edil palmeirán destacou que se agarda repartir máis de tonelada e media de polbo, superando as cifras de anteriores edicións. Tamén se vai preparar churrasco e navallas entre outros exquisitos produtos.
Tanto Emilio Pérez como Fabiola García quixeron animar á veciñanza a que se achegue a unha festa que vai medrando a cada ano que pasa.