A Xunta traballa para previr perdas de solo en zonas afectadas polos lumes

A Xunta de Galicia atópase traballando na planificación e aplicación de medidas preventivas ante unha posible perda de solo en zonas afectadas por incendios forestais. As conselleiras de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, do Mar, Rosa Quintana, e do Medio Rural, Ángeles Vázquez, participaron hoxe na mesa de coordinación de accións post-incendios que forman responsables e técnicos destes departamentos.

Este grupo de traballo está a coordinar e definir as actuacións e concretar cales son as accións máis axeitadas para evitar os danos provocados polos arrastres e a erosión tras os lumes.

A titular de Medio Rural explicou que estes labores súmanse aos desenvolvidos nas últimas semanas a través de reunións cos alcaldes dos concellos máis afectados, así como con representantes das comunidades de montes e doutros colectivos forestais. O obxectivo céntrase en avaliar os danos e deseñar as accións paliativas correspondentes. Neste senso, sinalou que ela mesma mantivo encontros de traballo cos rexedores dos municipios nos que foi preciso declarar a «Situación 2» como medida preventiva pola proximidade do lume a núcleos habitados, e que a vindeira semana continuará con estas xuntanzas. Ángeles Vázquez engadiu que a prioridade arestora é facer unha avaliación da situación, iniciando así as intervencións sobre o terreo.

Así, no que atinxe ás zonas de litoral, traballarase conxuntamente coa Consellería do Mar para avaliar aquelas zonas máis sensibles debido á posible incidencia do arrastre de terras nos bancos marisqueiros.

Tamén se está valorando a posibilidade de volver a usar a técnica denominada mulching. Esta consiste en cubrir o solo cun material, principalmente palla, para protexelo da erosión. Dados os bos resultados conseguidos ata o de agora, estase avaliando empregar de novo esta técnica nas zonas máis altas, con maior pendente e en cabeceira de concas hidrográficas.
Segundo afirman, o resultado acadado en ocasións anteriores foi bo, xa que se apreciou unha redución dos arrastres. Isto diminúe a perda de solo e a chegada de sedimentos aos leitos dos ríos e ao mar. Deste xeito, conséguese preservar a calidade da auga e o inicio da rexeneración de vexetación, o cal contribúe á consolidación do chan.

https://www.youtube.com/watch?v=X53GtYBowYY

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.