Deportes

O BOIRO XUVENIL SUPEROU AO VIVEIRO CUN CONTUNDENTE 4-1 EN VALIÑO


Un paso máis preto do obxectivo. O Boiro xuvenil superou esta fin de semana a primeira eliminatoria da promoción de ascenso á Liga Nacional logo de impoñerse ao Viveiro no encontro de volta desta fase da loita polo ascenso. Os dous equipos firmaron táboas co 0-0 do partido de ida disputado en terras lucenses, sen embargo o Boiro amosou na casa e ante a súa afección unha gran versión para gañar por 4-1 e clasificarse para a final desta liguilla.

O campo de Valiño viviu este sábado ao medio día unha intensa xornada de fútbol. Estaba todo por decidir no camiño dos boirenses ao ascenso polo que a afección respondeu e encheu as gradas para animar aos seus nun partido decisivo. A igualdade do primeiro choque entre o Viveiro e o Boiro desvaneceuse nos primeiros compases deste segundo partido. Un erro defensivo dos visitantes provocou o primeiro gol do duelo, que subiu ao marcador no minuto 4. Apenas 10 minutos despois o conxunto adestrado por Rubén López ampliou a súa vantaxe, o que obrigou ao Viveiro a facer cambios no seu esquema sobre o verde. Sen embargo o Boiro seguiu dominando case todos os aspectos do xogo e un minuto antes de rematar a primeira metade puxo terra de por medio co 3-0. Tras o paso por vestiarios o Viveiro saíu envorcado na área local, pero sen éxito, fallando incluso un penalti. Os boirenses volveron a ampliar a súa renda co cuarto gol do encontro, que subiu ao marcador no minuto 56. A reacción visitante en forma de gol chegou no 66 co 4-1, resultado que reflectía o luminoso ao remate do tempo engadido.

Gran vitoria do Boiro, que firma así a súa presenza na final desta liguilla da promoción do ascenso á Liga Nacional Xuvenil. Neste encontro os boirenses mediranse ao Bertamiráns, gañador da outra eliminatoria e que se impuxo ao Galicia de Caranza. Nos dous precedentes da liga regular os boirenses gañaron ao Bertamiráns pola mínima nas dúas ocasións, polo que nesta agárdase unha dura e igualada eliminatoria. A ida xogarase no municipal de Bertamiráns, encontro que se desenvolverá o sábado ás 18.00 horas.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.