As descargas de mexillóns en Galicia aumentaron máis dun 12% o ano pasado con respecto ao 2014

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou esta mañá as instalacións da Depuradora de Mariscos de Lorbé (Demarlosa), do Grupo Proinsa (Promotora Industrial Sadense) para coñecer de primeira man a súa actividade. Alí Rosa Quintana destacou o aumento de máis dun 12% nas descargas xerais de mexillón en Galicia durante o 2015 con respecto ao ano anterior, pasando de máis de 235.400 toneladas no 2014 a 264.109 no 2015.

Neste senso, a conselleira tamén fixo fincapé no aumento da facturación acadada nestas dúas anualidades, que aumentou preto dun 14% o ano pasado, pasando de 98 millóns de euros no 2014 a máis de 112 millóns no 2015.

Durante a visita a conselleira enxalzou o labor de Proinsa na súa aposta polo mantemento sustentable das explotacións acuícolas, transformadoras e comercializadoras. Trala visita á depuradora Rosa Quintana coñeceu as bateas e long-lines de captación de mexilla da empresa e comprobou de primeira man o traballo que realizan nelas.

A Depuradora de Mariscos de Lorbé, que forma parte do Grupo Proinsa, está especializada na depuración e comercialización de mexillón fresco. Ten un centro de expedición con capacidade para a depuración e manipulación de máis de 100.000 quilos de mexillón ao día. Conta cun laboratorio bacteriolóxico e de control de toxinas, xestionado por un equipo de biólogos e veterinarios que levan a cabo investigacións co obxectivo de atopar melloras na produción do mexillón.

O Grupo Proinsa é un grupo familiar, con capital 100% galego, integrado por compañías dedicadas á alimentación. Naceu hai 40 anos no porto de Sada (A Coruña) e expandiuse a varios puntos da xeografía española.

Esta empresa dedícase á produción de mexillón en bateas e long-lines, sendo o principal produtor individual de mexillón de Galicia. Posúe un total de 100 unidades de cultivo e conta cunha frota de 6 barcos equipados para as tarefas de produción do mexillón. Os principais clientes desta empresa son depuradoras para produto fresco, cocedoiros, comercializadores de vianda e conxelado e fábricas de conservas.

https://www.youtube.com/watch?v=Sr7qWxKUMQk

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.