A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, presidiu hoxe a xuntanza do Comité de Coordinación Policial Antiincendios. Nesta reunión, á que tamén asistiu o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández-Couto, fíxose un seguimento das accións coordinadas entre Medio Rural e os diferentes corpos e forzas de seguridade do Estado, para loitar contra a actividade delituosa incendiaria, especialmente nas zonas con lumes recorrentes.
Así, na anterior reunión deste Comité trasladouse, por parte de Medio Rural, un completo informe sobre as parroquias nas que se rexistraron lumes recorrentes. Agora estase a facer balance das actuacións levadas a cabo nesas zonas, así como a planificación noutras áreas de actuación, en función dos datos actualizados.
Ángeles Vázquez explicou que no que vai de ano houbo en Galicia 41 persoas detidas ou investigadas pola Policía Autonómica como presuntos autores de incendios forestais. A estes hai que sumar os arrestados ou investigados por outros corpos e forzas de seguridade.
A conselleira insistiu na evidente intencionalidade que hai detrás da inmensa maioría dos incendios e advertiu que cómpre unha reflexión en profundidade sobre o feito de que arde monte produtivo e ben xestionado. Neste senso, puxo como exemplo o sucedido nos últimos días na provincia de Pontevedra, na que arderon algo máis de 4.000 hectáreas e delas unhas 3.300 correspóndense con terreos produtivos e correctamente xestionados, desde o punto de vista forestal.
Así mesmo, apelou á colaboración cidadá na loita contra os incendios, tanto para alertar sobre posibles lumes como para denunciar actuacións sospeitosas no monte, as cales poidan ser causa de incendios. Ademais, indicou que cada vez se detecta unha maior implicación da sociedade neste tema, que axuda tanto á prevención como á extinción dos incendios forestais. E lembrou que o galego é o operativo profesional máis importante de Europa, como se puxo de manifesto ao ser quen de atallar os 400 lumes rexistrados nunha semana.
https://www.youtube.com/watch?v=dD36qdoxFuI