O campo boirense de Vista Alegre será escenario o sábado 20 de agosto dun encontro especial. A partir das 18:00 da tarde, o Amigos Kir’s e o Amigos Barbantia enfrontaránse nun partido solidario que chega xa á súa terceira edición. O obxectivo céntrase en recadar fondos para a Asociación Española Contra o Cancro, a cal conta cunha delegación en Boiro. A entrada custa dous euros e xunto co pase entregaráse unha rifa numerada.
A cita deste ano segue na mesma liña das anteriores edicións, razón pola cal teñen unha alta expectativa de asistencia. Ademais, no descanso do partido farase unha entrega de premios.
A recadación destínase maioritariamente á investigación. Na primeira edición conseguiron 2.600 euros, mentres que a contía ascendeu a 3.500 na segunda. Polo tanto, esperan superar dita cifra no encontro deste sábado.
Pola súa parte, o alcalde de Boiro, Juan José Dieste, tivo palabras de agradecemento aos organizadores deste evento con fins solidarios e destacou o labor da Asociación Española Contra o Cancro. Así mesmo, sinalou que a delegación boirense realizará unha cea o 26 de agosto para conseguir máis fondos. Dieste aproveitou a ocasión para anunciar que a Fundación Josep Carreras estará presente na Festa do Mexillón de Cabo de Cruz, os días 20 e 21 de agosto, para así tentar conseguir cartos na loita contra a leucemia.
Finalmente, Óscar José Pouso, xerente da cafetería Barbantia, animou a todo o mundo a achegarse ata Vista Alegre, onde terán lugar diversas actividades.