A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, achegouse esta mañá ata o concello de Porto do Son. Alí mantivo unha primeira xuntanza de traballo co alcalde, Luis Oujo, representantes dos montes comunais das zonas que se viron afectadas polos incendios forestais da pasada semana, así como veciños, gandeiros e apicultores. O obxectivo do encontro era analizar os danos rexistrados e comezar, o antes posible, coas actuacións de rexeneración.
As medidas urxentes acordadas foron o restablecemento de peches para o gando que está de forma extensiva nos montes da zona, ademais de facilitarlles alimentos. Tamén se velará pola subsistencia das colmeas e arranxar as máis afectadas. Así mesmo, estudarase a posibilidade de axilizar a corta de madeira queimada para poder comezar coa repoboación dos montes e recuperar así a cuberta vexetal o antes posible.
A conselleira subliñou que se destinará unha nova liña de axudas para restituír os danos, tantos os sufridos polas persoas como polos montes afectados. Unha nova que xa avanzara o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Ditas axudas procederán de fondos da Vicepresidencia, Facenda, Medio Ambiente e da propia Consellería do Medio Rural. O propósito céntrase en arbitrar as respostas que sexan precisas e poñer en marcha medidas de futuro.
Esta xuntanza enmárcase na rolda de reunións de traballo previstas pola Consellería do Medio Rural cos concellos afectados polos incendios forestais, para así planificar as actuacións e valorar os danos. Neste senso, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez xa está a traballar na planificación dun programa de prevención ante unha posible perda de solo en zonas afectadas por incendios forestais con diversos departamentos autonómicos.
Ademais de realizar traballos de mellora de infraestruturas e rede de drenaxe, con limpeza e apertura de cunetas ou limpeza de canos e arquetas, a Consellería ten previsto efectuar actuacións de control de vexetación e accións de mellora dos cursos de auga, así como máis específicas de control de erosión e protección dos solos.
https://www.youtube.com/watch?v=TwomqzUdSkY