A Preferente encara a súa parte final ao restar tan só cinco xornadas de competición. Nesta fin de semana disputarase a 34, na que os equipos da comarca seguen loitando por achegarse aos seus obxectivos. O Noia intentará facerse co liderado do grupo medíndose ao Betanzos. O Boiro desprázase ata Ribadeo cos tres puntos en xogo mentres que o Unión busca a súa cuarta vitoria seguida ante o Lemos para saír dos postos de descenso.
O Noia afronta esta xornada no segundo lugar do grupo Norte ao estar un punto por debaixo da Sarriana. Por iso esta fin de semana sairá a polos tres puntos ante o Betanzos xa que tamén contará co apoio da súa afección. Os noieses veñen de empatar a uns co Sigüeiro, botando por terra a opción de facerse co liderado logo da derrota da Sarriana ante o Boiro. O Betanzos chega a este encontro logo de empatar a dous contra o Pino e coa necesidade de puntuar para manter a terceira posición. Este domingo o Noia e o Betanzos disputaranse tres importantes puntos. O escenario onde se desenvolverá este duelo será o Julio Mato, partido que comezará ás 17.30 horas do domingo.
O Boiro quere dar guerra ata o final e loitar polos postos de ascenso á Terceira División. Logo dunha mala xeira que lle custou o terceiro posto, o conxunto adestrado por Anxo Casalderrey volve a estar na pelexa polo ascenso logo de sumar cinco vitorias seguidas, a última ante o líder, a Sarriana. Agora deberá impoñerse ao Ribadeo para seguir apertando a clasificación. O Ribadeo, que loita por asegurarse a permanencia, vén de gañar ao Portomarín por 4-2. Este domingo ás 12.00 horas o Pepe Barrera acollerá este entretido duelo entre o Ribadeo e o Boiro.
E o Unión quere achegarse aos postos da permanencia para o que terá que impoñerse a un sempre correoso Lemos que tamén loita por asegurar a súa presenza na Preferente na vindeira xornada. Os rianxeiros veñen de gañar os últimos tres encontros, o último ante o San Tirso, e buscan un novo triunfo para saír dos postos de descenso xa que teñen a permanencia a tan só dous puntos. En fronte estará o Lemos, que é décimo quinto, e avantaxa en dous puntos ao Unión. Os de Monforte veñen de empatar a uns contra o Mugardos, polo que sairán a pola vitoria. Este domingo mediranse os dous conxuntos nun choque clave para o seu futuro. O esférico comezará a rodar no campo de vilas a partir das 18.00 horas.