Arte e mar fusinaránse en Ribeira un ano máis

A quinta edición da feira Artemar Ribeira regresa esta semana entre o xoves 18 e o domingo 21 de agosto. A actual convocatoria estará máis enfocada aos ribeirenses e á cultura mariñeira. Por esta razón, as rúas da cidade estarán engalanadas unicamente con motivos mariñeiros, sen facer referencia a temáticas medievais ou piratas. Dita decoración estenderase polas rúas que xa estaban sendo ataviadas noutras edicións, así como por Rosalía de Castro e Mariño de Rivera.

A feira dividirase en catro bloques que servirán de epicentro festivo. O primeiro deles correspóndese co Auditorio Municipal, o cal acollerá unha exposición de modelismo naval que será inaugurada o xoves ás 12:30 do mediodía e que contará con 80 maquetas. Esta iniciativa realízase en colaboración con Manuel Sampedro e, a pesar de ser gratuíta, poderán realizarse doazóns a beneficio da Asociación Contra o Cancro.

A praza do Concello contará con expositores de asociacións do municipio ribeirense como Aires de Dorna, Aires de Casa, Riveira Escríbese con V e o Centro Terceira Idade Santa Uxía. Ademais, será escenario de diversos sorteos e terá lugar a tradicional queimada na noite do domingo.

Outra das localizacións principais será a praza de España, que albergará por primeira vez un parque de inchables permanentes e a saída dun tren infantil. Por outra banda, servirá de epicentro de grandes actuacións como as que ofrecerán o grupo local H2Folk, Gallaecia Big Band, DJ Manel e Joao Alvim de Brasil. Así mesmo, dará cabida ao pregón inaugural a cargo do Bruxo Queiman e Andrea Pousa cun innovador espectáculo o xoves ás 21:30 da noite.

O cuarto e último bloque refírese á Carpa do Antigo Mercado, no cal se desenvolverán as actividades gastronómicas de degustación e venda ligadas a Gustando do Mar, ademais de servir como centro para a exposición de artistas ribeirenses.

Máis aló destes lugares, outros puntos da cidade acollerán diversas actividades como, por exemplo, o parque de inchables itinerante que pasará polas prazas Uxío Novoneyra e Pablo Neruda. Así mesmo, diversos obradoiros celebraranse na porta do Sol, García Bayón e Abesadas.

No apartado de concursos, tamén se destacou que terá lugar o de escaparatismo, o de decoración de establecementos hostaleiros e o da mellor tapa que está aberto a votación dos asistentes. Ademais, a galería O Faiado colaborará cunha exposición de máis de 20 artistas.

Finalmente, este ano destaca o incremento do número de postos participantes, ao pasar dos 93 do ano pasado aos 110 desta edición.

Estes ubicaránse no Malecón, na rúa Galicia, Santa Uxía e Manuel Lustres Rivas. Así mesmo, celebraránse demostracións de orfebrería, moldeado de vidro ou talla en madeira, aumentando así o interese deste compoñente.

https://www.youtube.com/watch?v=dQ-KQMEoDK4

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.