Feijóo avalía a situación de Galicia nesta vaga de lumes

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que a Xunta seguirá traballando coa máxima vixilancia, co máximo recoñecemento ás máis de 7.000 persoas que traballan na loita contra os lumes e coa máxima dilixencia para restituír os danos.
Durante unha visita esta mañá ao Centro de Coordinación Central de Incendios para avaliar a situación relativa aos lumes, Feijóo reiterou o recoñecemento ás persoas que están sufrindo directamente os lumes, a quen trasladou que Galicia está unida ao seu carón e seguirá ao seu carón nas próximas semanas para avaliar conxuntamente as consecuencias dos danos producidos.
Así mesmo, destacou e trasladou o recoñecemento a todo o operativo de extincións.
E, en terceiro lugar, tamén valorou e agradeceu o labor dos medios de comunicación que, segundo afirmou, están a trasladar á cidadanía no seu conxunto que Galicia está unida e condena sen paliativos a actividade incendiaria, así como que Galicia é consciente de que hai que extremar as precaucións dadas as condicións climatolóxicas adversas que se están a sufrir.

Ademais, o presidente da Xunta de Galicia aseverou que se está a traballar tamén noutras frontes, reforzando os labores de investigación, a través da Policía Autonómica, da Garda Civil e do Exército.
Neste senso, afirmou que a Xunta comezou xa hoxe os traballos de avaliación de danos para poder reparalos no menor tempo posible.
O titular da Xunta precisou que desde o pasado martes día 9 ata a mañá de hoxe venres producíronse 193 lumes. Neste momento, continúase a traballar en 5 lumes ubicados en Porto do Son, Arbo, Crecente, Cerdedo e Laza, todos eles tan só con algún punto illado de fogo e sen risco para as persoas ou para as vivendas; están estabilizados ou controlados 18; e, 170 están extinguidos.

https://www.youtube.com/watch?v=60NywRx4LoQ

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.