A chegada do bo tempo anima a numerosas persoas a apostar por realizar camiñadas. A pasada fin de semana un grupo de 24 persoas comezaron a percorrer o Camiño de Santiago A Orixe, ruta que iniciaron coa primeira etapa.
A Asociación de Amigos do Camiño de Santiago Barbanza A Orixe impulsaron este percorrido que iniciaron en Corrubedo. Ao longo desta primeira etapa andaron 18,5 kilómetros e pasaron por Olveira, Bretal ou a Praia do Vilar ata chegar á capela de Carreira. Durante o percorrido Ramón González foi o encargado de afondar na historia dos lugares polos que se pasou, entre eles as igrexas de Corrubedo, a de Olveira e a capela da Guía.
Unha vez completado o primeiro tramo está programada a segunda etapa para percorrer o vindeiro día 30 de abril. Andaina que está aberta a todas as persoas que queiran participar. Nesa ocasión a ruta comezará en Carreira e pasará por Aguiño, Castiñeiras, Ribeira, Palmeira e rematará na Pobra logo de andar 22 kilómetros.