Deportes

O NOIA BUSCARÁ VOLVER A GAÑAR NA PREFERENTE ANTE O DUBRA


A Preferente regresa unha fin de semana máis con tres duelos moi atractivos para os equipos da comarca. O Noia busca reafirmarse na segunda posición vencendo ao Dubra, o Boiro quere prolongar a súa xeira de vitorias ante o Portomarín mentres que o Unión buscará unha nova vitoria para seguir soñando coa permanencia.

O Noia afronta esta trixésimo segunda xornada da Preferente co obxectivo de volver a gañar logo da derrota apañada a fin de semana pasada. Os brancos caeron pola mínima ante un combativo As Pontes, polo que o conxunto adestrado por Iván Carril persegue facerse de novo cos tres puntos. Para iso terá que impoñerse ao Dubra, sétimo clasificado que chega logo de perder por 0-1 co Pino.
Os noieses seguen segundos no grupo norte, pero o líder, a Sarriana, conta cun colchón de cinco puntos cos brancos, que queren gañar para ter aos lugueses máis preto. O Julio Mato acolle este domingo ás 17.30 horas o encontro no que o Noia e o Dubra veranse as caras nun intenso duelo por facerse cos tres puntos.

O Boiro quere ampliar a súa xeira de vitorias para intentar igualar ao Betanzos e asaltar así o terceiro posto da clasificación. Para iso deberá superar ao Portomarín, pechacancelas do grupo Norte. Os xogadores dirixidos por Anxo Casalderrey veñen de sumar tres vitorias seguidas, a última firmada na casa contra o Betanzos. Agora esta fin de semana os boirenses desprazaranse ao campo do Portomarín, que perdeu pola mínima ante o órdenes. Os dous equipos buscarán facerse coa vitoria no choque que se celebrará o domingo ás 18.00 horas no Chao da Poza.

E o Unión segue soñando coa permanencia, e para iso o único resultado bo para eles é a vitoria. Non o terán doado xa que se miden ao Atlético Coruña Montañeros, undécimo clasificado deste grupo Norte da Preferente. Os de Asados chegan a este encontro logo de gañar por 1-4 ao Fisterra, tres puntos que agardan levarse de novo. Desta vez en fronte estará o Montañeros que gañou pola mínima ao Mugardos. Os rianxeiros son décimo oitavos e teñen a salvación a cinco puntos de distancia polo que deberán gañar e esperar a un tropezo das Pontes para achegarse á permanencia. O Unión contará co empuxe da súa afección xa que o campo municipal de Vilas acollerá este domingo a partir das 18.00 horas o choque contra o Montañeros.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.