O faro de Corrubedo estivo presente no International Lighthouse Lightship Weekend

Na medianoite do venres botou a andar o International Lighthouse Lightship Weekend. Este encontro de radioafeccionados celébrase na terceira fin de semana de agosto desde 1998, poñendo en contacto a participantes de todo o mundo ao longo de 48 horas ininterrompidas a través de 436 faros de todo o mundo.

Un deses faros é o de Corrubedo, o único en Galicia. Alí estiveron emprazados Luis García, Luis Tenreiro, José Manuel Vilar, Iñaki Torres e José Luis Paz. Todos eles membros do Radio Club Hércules, con sede na cidade da Coruña.

No tempo transcorrido xa estableceron contacto con multitude de faros ubicados en Cuba, Costa Rica, Xapón, Estados Unidos, Canadá ou Australia.

Os integrantes de Hércules levan participando neste evento desde o ano 2008 e xa estiveron noutros faros como a Torre de Hércules, Mera, Lariño ou Cabo Vilán. Esta é a primeira vez que repiten faro pois xa estiveron en Corrubedo o ano pasado.

Unha iniciativa que nace como unha forma de exercer esta afección e co obxectivo de poñer en valor unhas construcións tan emblemáticas como son os faros, cada vez máis en desuso ante o avance das tecnoloxías.

A cita concluíu cando as agullas do reloxo marcaban as doce da medianoite do domingo.

https://www.youtube.com/watch?v=WDBXI2zQG4c

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.