A competición non para e a Primeira Galega trae unha nova fin de semana de fútbol e emoción. O Cidade de Ribeira afronta a vixésimo oitava xornada recibindo ao Calo na procura de manter a diferenza cos seus perseguidores e asentarse no liderado. O Puebla medirase ao Baio co obxectivo de gañar para ocupar a oitava posición, mentres que a Esteirana precisa sumar ante o Lalín para afastarse dos postos de descenso.
O Cidade de Ribeira volve á Fieiteira para contar co arroupo da súa afección na procura dunha nova vitoria. Os albicelestes son primeiros do grupo Costa/Santiago e avantaxan en sete puntos ao Negreira, distancia que queren manter ou ampliar. Para conseguilo terán que impoñerse ao Calo, undécimo clasificado. Os ribeirenses gañaron no derbi coa Esteirana por 2-3, mentres que o Calo vén de perder co Cordeiro por 0-3. Ambos conxuntos veranse as caras este domingo no anexo da Fieiteira a partir dar 18.45 horas.
O Puebla tamén regresa ao seu fortín onde se medirá ao Baio. Os xogadores adestrados por Xesús Baleato trouxeron un gran empate contra o segundo clasificado, o Negreira, e agora buscan facerse cunha nova vitoria para asaltar a oitava posición. Nesta ocasión terán en fronte ao Baio, décimo quinto clasificado que vén de gañar por 2-0 ao Flavia. O estadio da Alta acollerá este encontro que se xogará o domingo a partir das 17.00 horas.
E a Esteirana quere fuxir da zona baixa á que caeu logo de perder por 2-3 co Cidade de Ribeira. Os de Esteiro son décimo cuartos ao ter 27 puntos e só os separan catro do descenso. Para poñer terra de por medio coa zona perigosa, o cadro muradán precisa gañar ao Lalín, sétimo clasificado. Os lalinenses chegan a este partido despois de gañar por 2-0 ao Cruces. Este importante partido para a Esteirana celebrarase no Xosé Luis Vara este domingo ás 17.30 horas.