O polideportivo situado no polígono pobrense da Tomada acolle diversas ocupacións dirixidas a nenos e nenas. Entre elas, o patinaxe. É precisamente nesta actividade onde se comezou a manifestar un malestar entre a maioría de pais e nais dos usuarios. O motivo é a suciedade que presentan as instalacións. A pista empregada para o desenvolvemento das actividades contén moito po e os baños non presentan as condicións óptimas para o seu uso. Incluso afirman que os cativos saen coas pernas e mans cheas de lixo. Ademais, non comprenden como o polideportivo presenta ese aspecto cando un cartel informativo indica que é sometido a labores de limpeza dúas veces por semana. Co obxectivo de buscar unha solución, presentaron unha queixa no Concello mais apuntan que non obtiveron resposta.
Pola súa parte, a primeira tenente de alcalde da Pobra do Caramiñal, Charo Varela, precisou que se atopan estudando a situación para resolvela o antes posible. Así mesmo, explicou que se cumpre o calendario de limpeza das instalacións. O problema é a localización do recinto, pois ao estar no polígono está sometido a altas doses de polución que se introducen polas rañuras das fiestras, así como o material do que está composto o chan da pista. De feito, o polideportivo ubicado en Venecia non posúe esta problemática e as actuacións que se levan a cabo son as mesmas. Ao respecto dos aseos, advertiron que se trata de algo puntual, pero examinarán o sucedido igualmente.
Finalmente, Charo Varela apuntou que ese polideportivo será sometido a unha limpeza exhaustiva nas próximas semanas e que xa están recibindo os presupostos de diversas empresas adicadas a este labor.
https://www.youtube.com/watch?v=q6BcphFF1co