A Consellería de Medio Ambiente e o Concello de Boiro colaborarán na execución das obras de accesibilidade das Avenidas de Avellaneda e da Constitución. A secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente, María Jesús Lorenzana, e o alcalde de Boiro, Juan José Dieste, asinaron esta mañá o convenio de colaboración, no que se recolle un investimento de 113.000 euros para esta actuación.
As actuacións centraranse fundamentalmente en solucionar os problemas de accesibilidade entre a Avenida da municipalidade de Avellaneda e a Avenida da Constitución. Deste xeito, procederas á eliminación das torretas de iluminación, pavimentaranse as rúas, repararase as zonas con axardinamento, instalarase mobiliario urbano e executarase un novo sistema de iluminación.
Tras a sinatura do convenio, a Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio xa pode iniciar a tramitación para a licitación das obras, co obxectivo de poder comezar os traballos este mesmo ano.
Esta actuación inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010 polo Goberno galego e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.
https://www.youtube.com/watch?v=FtiggSQDMSk




