Mentres a luz do dia deixa ver o terrible panorama dos monte en Ribeira a policía segue trala pista do presunto autor do incendio

Dende as 11:00 desta mañá está extinguido o incendio rexistrado en Ribeira, iniciado na madrugada do luns e que afectou á parroquia de Carreira. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é de 81,7 hectáreas arboradas, das cales unhas 26 están dentro do Parque Natural das Dunas de Corrubedo. Na súa extinción participaron 1 técnico, 14 axentes, 27 brigadas, 22 motobombas, 4 pas bulldozer, 3 helicópteros e 2 avións. O lume deixou un panorama desolador tras de si, dende a Pedra da Ra pode verse como chegou ata a propia area da praia do Vilar, veciños e turistas que se achegaban ata o coñecido areal lamentaban hoxe este feito e tamén criticaban que os montes npon están máis limpos para evitar que o lume corra con tanta facilidade.
O mesmo opinaban os turistas que a mediodía visitaban a Pedra da Ra, de feito algúns deles estaban no lugar cando comezou o lume, ó ter escollido este sitio para contemplar os fogos de artificio das festas, malia que non quixeron relatar o sucedido ante as cámaras, si deron conta de que viron marchar un home nun vehículo, do cal non puideron coller a matrícula, que podría ser o presunto autor do incendio. Ó parecer nese momento, ás 00:08 h., o lume so afectaba a 4 m2. O forte vento e a seca deste verán fixeron que avanzase con rapidez monte abaixo.
A policía nacional, e a policía autonómica xa están a seguir as posibles pistas que leven ó autor deste delito contra o medio ambiente e que puxo en risco varias vivendas da zona.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o traballo que están a realizar os equipos de loita contra os lumes en Galicia e trasladoulles a súa confianza e apoio, afirmando que ante os incendios só cabe “a unidade, a precaución e a denuncia”.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.