Os peiraos autonómicos de galicia recibiron máis de 2.000 embarcacións en tránsito durante o primeiro semestre do ano

Os portos de titularidade autonómica de Galicia recibiron un total de 2.037 barcos en tránsito durante o primeiro semestre deste ano. Así o contempla o balance anual realizado por Portos de Galicia, o ente público responsable destas infraestruturas. Segundo datos facilitados polos propios xestores, as dársenas autonómicas comprendidas entre Ribadeo e Baiona, incrementaron nun 9% de media o número de embarcacións en tránsito respecto ao mesmo período do ano anterior, no que recalaran nos portos autonómicos un total de 1.865 barcos destas características.

Deste xeito, a costa galega confirma a consolidación desta actividade portuaria que vén mantendo unha permanente tendencia á alza nos últimos anos. Polo que respecta ás procedencias das embarcacións en tránsito, maioritariamente foron estranxeiras, con predominio das francesas, seguidas das británicas.

Nunha análise porto a porto, os clubes náuticos con maior rexistro de tránsitos foron o Porto deportivo de Baiona, con 268, seguido do de Muros, con 226. Por comarcas, a Costa da Morte mantivo as boas cifras dos seus dous portos deportivos con 120 barcos en Muxía e outros tantos en Camariñas. Destaca o incremento experimentado na ría de Noia, onde se acadaron 294 tránsitos, entre os peiraos de Muros e Portosín, un 66% máis que no primeiro semestre de 2015, cando se contabilizaran 196. A ría de Vigo situouse á cabeza desta actividade cos datos de Baiona e as fortes subidas de Cangas, que pasou de 22 a 162 tránsitos; e Moaña, de 68 a 90.

Para Portos de Galicia, a captación de novos tránsitos é unha liña de traballo estrutural, tal como se recolle no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020, que o ente público está a poñer en práctica. Para impulsar estas chegadas, estanse a desenvolver accións promocionais dos portos deportivos de Galicia a nivel nacional e internacional. Así, cómpre reseñar a participación de Portos de Galicia, en colaboración con Turismo de Galicia, en eventos de referencia no sector do turismo náutico, como o Salón Náutico Internacional Grand Pavois, de La Rochelle, ou o Salón Náutico de París.

De feito, resulta constatable a positiva repercusión destas accións desenvolvidas nos principais eventos náuticos de Francia e que se teñen traducido na consolidación da hexemonía dos tránsitos franceses en Galicia. Ante os resultados obtidos, Portos de Galicia ten previsto dar continuidade a estas accións en base á súa incidencia nas cifras de captación de actividade náutica para os peiraos galegos.

Salir de la versión móvil