O evento «Vermús Musicais» encherá de música as rúas de catro concellos da comarca

A Casa Rural Entre Os Ríos, no concello da Pobra do Caramiñal, acolleu a presentación do evento «Vermús Musicais». No acto estiveron presentes Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo e vicepresidente de Arousa Norte; Xosé Lois Piñeiro, alcalde da Pobra do Caramiñal; Fabiola García, primeira tenente de alcalde de Ribeira; Suso Santamaría, promotor da actividade; Maruxa Ledo, xerente de Arousa Norte; e Gonzalo Arca, músico.

«Vermús Musicais» é unha proposta que tenta trasladar a música e ambiente a espazos abertos, de tal xeito que todas as persoas poidan participar. Unha cita dirixida á xente da comarca da Barbanza e a turistas, sen esquecer o carácter dinamizador que posúe para a hostalería. O seu propósito céntrase en desfrutar de actuacións musicais dun xeito diferente e ter a posibilidade de estendelo ao resto do ano.

Este evento xurdiu o ano pasado no local boirense A Pousada Das Ánimas cunha experiencia piloto durante dous meses. As conclusións extraídas foron moi positivas. Razón pola cal, Suso Santamaría decidiu presentar o proxecto coa idea de desenvolvelo novamente. Dita actividade tenta crear unha rede tanto supramunicipal como intermunicipal, así como movemento fóra das salas e espazos habituais. Ademais, Suso Santamaría expresou o seu desexo de que sexa estable e vaia crecendo co paso do tempo.

Pola súa parte, o vicepresidente de Arousa Norte, Adolfo Muíños, sinalou que viron que esta proposta encaixaba na estratexia de dinamización dos concellos. Combina aspectos turísticos, hostaleiros e culturais. O obxectivo consiste en desenvolver dita actividade en espazos emblemáticos para a hostalería e frecuentados por moita xente.

Ao remate da presentación, Gonzalo Arca interpretou varias pezas acompañado dunha guitarra a modo de pequena mostra do que lles deparará este proxecto aos asistentes.

https://www.youtube.com/watch?v=xDh_FsOdbmo

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.