CONDE avalía cos empresarios do barbanza os apoios da xunta á consolidación empresarial e a creación de emprego

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, informou hoxe aos empresarios do Barbanza das distintas ferramentas que a Xunta ten posto á disposición das compañías para mellorar o seu financiamento, consolidar o seu crecemento e xerar novos empregos. Conde participou nun encontro técnico no que participaron empresas da zona, sinaladamente a Federación de Empresarios do Barbanza, e no que se analizaron ademais as perspectivas de crecemento industrial da zona.

Segundo o IGE, o número de sociedades creadas nos primeiros seis meses do ano nos 12 concellos nos que traballa a Federación medrou un 40%, pasando de 60 a 84, con respecto ao mesmo período do ano pasado. Un pulo que, dixo Conde, é necesario apuntalar para garantir unha creación sostible de novos postos de traballo. Nese camiño, apuntou o conselleiro, a Xunta está a acompañar ao tecido empresarial tanto a través de medidas regulatorias como no apoio ao financiamento.

Entre as primeiras, Conde destacou tanto a eliminación con carácter xeral das licencias municipais de apertura a través da Lei do Emprendemento, como a posta en marcha da Oficina Doing Business. Esta Oficina, dixo o conselleiro, permite aos emprendedores e empresarios achegar á Xunta suxestións para derrubar barreiras burocráticas presentes non só na Consellería de Economía, Emprego e Industria, senón en calquera departamento da administración autonómica.

De forma paralela a este traballo para facilitar a creación de novas compañías, sinalou Conde, a Xunta está a respaldar de forma integral a liquidez das empresas. Neste senso, lembrou que o Consello da Xunta vén activar programas de microcréditos e de préstamos a pemes.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.