As Festas do Verán de Ribeira contan cunha ampla e variada programación

Hoxe continúan as Festas do Verán de Ribeira. Coma todos os días de troula que lle esperan aos ribeirenses, a xornada comezou con 21 bombas de palenque para proceder coas dianas e alboradas a cargo do grupo de gaitas O Rueiro dos Fillos de Palmeira. Así mesmo, as bandas de música encárganse dos pasarrúas. A desta mañá, a Banda de Música Eduardo Pondal, rematou diante da Residencia do Maior cun pequeno concerto. O mesmo farán a do venres, a Banda de Música de Boiro; a do sábado, a Banda de Música Isabel II de Touro; e a do domingo, a Banda de Música Sta. Cruz de Ribadulla.

Os nenos tamén son unha parte importante destas festas, por iso ás 12:00 do mediodía puideron desfrutar da actuación Rudi Dudi Rastafarudi «Rudículo» no pavillón do CEIP O Grupo. Do mesmo xeito, mañá dispoñerán da actividade Ribeiralandia na Praza do Concello, cun gran parque de inchables e xogos feitos con material de refugallo.

A partir das 22:30 de hoxe, a Orquesta Graffiti proporcionará doses de música e baile no Malecón ata altas horas da madrugada.

Se este día está dedicado á mocidade; o de mañá será á poboación infantil; o do sábado, día do Carme, á xente do mar; o domingo, día da flor, ao tecido social; e o luns celebrarase o día do neno coas atraccións de feira a prezos populares.

Unhas festas que contan tamén con carácter deportivo e cultural. Mañá ás 19:00 da tarde terán lugar as finais do Campionato de Tenis para a categoría Masculina Absoluta no Complexo Deportivo de A Fieiteira, mentres que ás 21:00 da noite inaugúrase a exposición «Escultura» de Jontxu Argibay no Centro Cultural Lustres Rivas. O sábado, ás 10:00 da mañá, desputarase o Trofeo de Pádel para categoría Masculina Absoluta no Centro de Raqueta de Coroso; ás 12:30 terá lugar a inauguración da exposición «Natural» de Beatriz Martínez del Campo Ricoy en O Faiado Tenda-Galería; ás 16:30 da tarde procederase á celebración do Campionato de Xadrez destinado ás categorías Sub 8, Sub 10, Sub 12, Sub 14 e Absoluta na Casa da Xuventude; ás 19:30, o Trofeo de Fútbol no Campo Municipal da Fieiteira; e, ás 20:00, unha exhibición de artes marciais de kempo e karate na Praza de España. Finalmente, o domingo, ás 10:00 da mañá terá lugar o Trofeo de Pádel para categoría Masculina Absoluta no Centro de Raqueta de Coroso; ás 13:00 da tarde, procederase á inauguración da exposición de fotografía «Esquenzo» de Xaquín Rosales en O Garaxe O Faiado; e, ás 19:00 celebrarase a coroación das Raíñas da Flor no Adro da Igrexa para iniciar, na explanada da lonxa, o desfile de carrozas polas rúas de Ribeira, acompañado do espectáculo de animación «Hakuna Matata» de Troula Animación e outros grupos musicais.

Por outra banda, o sábado, ás 18:00 da tarde, celebrarase unha Misa Solemne na Honra da Virxe do Carme cantada pola Coral Polifónica Minicipal de Ribeira para dar paso á tradicional procesión marítima con saída dende a fábrica de xeo. Rematada a procesión marítima, terá lugar a procesión terrestre dende a lonxa ata a Igrexa Parroquial acompañada pola Policía Infantil de Gala e Asociacións Culturais, entre outros. Mentres, o domingo, ás 12:00 do mediodía, celebrarase a Misa Solemne na Honra de San Pedro cantada pola Coral Polifónica Círculo Marcantil e Industrial de Ribeira.

Así mesmo, as orquestras Tango, Platinum, Solana, Platino e Stelares encherán o Malecón e o Parque García Bayón nas noites dos vindeiros días. Mais, sen dúbida, os pratos fortes serán os concertos de Seguridad Social, mañá ás 00:00 da noite; o de Macaco, o sábado ás 00:00; e, o de Susana Seivane, o domingo ás 00:30.

Ademais, na noite do domingo procederase á queima de fogos de artificio para despedir as Festas do Verán ata o próximo ano.

https://www.youtube.com/watch?v=67D2jsY08aM

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.