O DOG publicou hoxe as axudas para o funcionamento das AVPC

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos.

En total, achegaranse 340.000 euros ás agrupacións de 159 entidades locais, 156 de concellos e a mancomunidade de Val Miñor, en Pontevedra. Así mesmo, ás agrupacións de concellos de Cortegada, Padrenda e Monterrei; e por outra banda, á agrupación de concellos de Cualedro e Monterrei.

Por provincias, a máis beneficiada foi a da Coruña con 59 asociacións e 129.498 euros. Síguelle Ourense, con 47 asociacións e 102.652 euros; Lugo, con 27 asociacións e 55.028 euros; e Pontevedra, con 26 asociacións subvencionadas cun total de 52.820 euros.

Con estas axudas preténdese colaborar economicamente coas Asociacións de Voluntarios de Protección Civil nos gastos de natureza corrente. Isto posibilitará o funcionamento destas entidades dentro dos seus concellos e a colaboración nos plans e programas de protección civil da Xunta de Galicia.

Deste xeito, as subvencións poderán ser investidas en equipamento e vestimenta persoal de uniforme; en equipos de prevención e protección; en gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo pola agrupación en materia de protección civil e gastos de conservación; en mantemento e/ou aluguer da súa base e medios de intervención; así como en aplicacións informáticas e de comunicacións, entre outros.

Para a concesión destas axudas estudáronse unha serie de criterios obxectivos de avaliación como, por exemplo, o número de mobilizacións con asistencia ás emerxencias, a ratio de voluntarios por cada mil habitantes, o risco potencial de emerxencias ou a antigüidade e a atención da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil ao servizo 24 horas.

https://www.youtube.com/watch?v=nV-_kBcoZjc

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.