A Xunta destina preto de 70.000 euros en melloras na federación galega de confrarías e a provincial de Lugo

A Xunta de Galicia destinou 68.000 euros á mellora da competitividade da Federación Galega de Confrarías de Pescadores e ao órgano provincial de Lugo. Isto conseguiuse a través dun convenio asinado por responsables das tres entidades.

Con ese obxectivo, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, reuniuse co presidente da Federación Galega de Confrarías, Tomás Fajardo, e co da federación provincial de Lugo, José Basilio Otero.

En concreto, a federación galega recibirá 45.000 euros para renovar as súas instalacións, adquirir equipos informáticos e mellorar as condicións de seguridade. Ademais, no marco deste acordo, elaborará material divulgativo para a promoción das confrarías de pescadores e organizará xornadas de traballo sobre a normativa pesqueira vixente a nivel autonómico, nacional e europeo.

Mentres, a Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo contará con 23.000 euros para adquirir equipos informáticos que permitan mellorar o desenvolvemento das actividades de xestión e administración da entidade.

Así mesmo, realizaranse accións co obxectivo de poñer en valor os produtos pesqueiros e o labor das confrarías. Tamén se celebrará un congreso sobre a pesca artesanal no caladero Cantábrico-Noroeste para mellorar o traballo destas entidades.

Para realizar un control das actividades desenvolvidas no marco deste convenio, crearase unha comisión de seguimento composta por dous membros da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e os presidentes e secretarios das federacións provinciais. A vixencia desta colaboración será ata o 16 de decembro de 2016.

https://www.youtube.com/watch?v=iSSoVAsksRA

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.