Feijóo afirma que a democracia sempre ofrece respostas e sostén que os bloqueos non se deben a carencias do sistema senón á resistencia a utilizar as súas ferramentas

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que a democracia sempre ofrece respostas: maiorías, coalicións, pactos; e afirmou que os aparentes bloqueos non se deben a carencias do sistema político, senón á resistencia dos encargados de utilizar as súas variadas ferramentas.
Así o afirmou durante o acto de presentación do libro ‘Emilio Pérez Touriño. Discursos parlamentarios’,

O titular do Executivo autonómico subliñou que Galicia non foi diferente á gran maioría de países europeos que asentaron a súa convivencia e prosperidade en dúas forzas que coinciden en substituír a idea de revolución pola de evolución; evolución cara a obxectivos distintos, pero sempre seguindo pautas e protocolos baseados no respecto democrático.
Nesta liña, salientou que a socialdemocracia e o reformismo europeos apostan pola política paulatina, de pasos curtos e constantes, en vez da política grandilocuente e moitas veces mesiánica que empurrou o vello continente a reiteradas traxedias. E lembrou que o historial que poden presentar os que menosprezan un modelo que permite avanzar sen convulsións son: revolucións frustrantes, populismos ególatras, novos despotismos ilustrados que agora se valen das novas tecnoloxías para seren máis despóticos e menos ilustres.
Feijóo aseverou que esa alianza de reformismo e socialdemocracia ten éxito porque reconcilia liberdade e igualdade nun ambiente de fraternidade, incidindo en que esa maneira aberta de entender a política non ten caducidade.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.