A Feira Celta de Porto do Son arrancou esta mesma tarde para darlle continuidade ata o domingo 31 de xullo. Pasarrúas, concertos ou espectáculos de animación son só unha pequena mostra de todas as propostas que ofrece esta cita.
As rúas están provistas de 110 postos entre os cales se atopan alimentación, artesanía ou cantaría, entre outros. A música e o entretemento corren a cargo dos Gaiteiros do Sur, Entr’Act e Acibreira.
Unha festa con gran arraigo no concello. De feito, agora son os propios mercaderes os que reservan o último fin de semana do mes de xullo para acudir a Porto do Son. Así mesmo, tamén supón un impulso para a hostalería e comercio local.
O alcalde sonense, Luis Oujo, indicou que esta celebración é o froito dun gran traballo e invitou á xente a que participe e desfrute.
Este evento enmárcase dentro da Programación Cultural e Deportiva do Verán 2016, no cal se atopan outras coñecidas citas como a Festa Hortera, as Festas do Carme de Portosín ou a Copa do Concello de Porto do Son.
https://www.youtube.com/watch?v=BrmM2aO1qSM