O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, achegouse esta mañá ata o campamento Virxe de Loreto «Natureza xunto ao mar», en Porto do Son. Un total de 120 mozos e mozas atópanse inmersos en diversas actividades grazas á programación da Campaña de Verán 2016. Durante a visita, o conselleiro estivo acompañado pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez; polo alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, pola primeira tenente de alcalde, María Maneiro; e pola concelleira de Educación, Magdalena Pérez.
Este campamento conta con actividades de kaiak, paddel surf, escalada, surf, bodyboard, orientación, tirolesa, tiro con arco, stop motion e cometas. Nesta época estival acollerá a un total de 660 rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 13 e os 17 anos.
O responsable de Política Social subliñou a auténtica opción de futuro que representan os campamentos de verán, onde os participantes gozan dunha ampla programación de ocio educativo e tempo libre.
Ademais, este campamento foi obxecto dunha reforma o ano pasado na que a Consellería de Política Social investiu 100.000 euros.
Este é o quinto ano consecutivo que a Xunta de Galicia incrementa as prazas da Campaña de Verán, na que neste 2016 tomarán parte un total de 9.046 mozos e mozas. Este trátase dun incremento do 6% respecto ao pasado período. O abano de actividades dirixidas a persoas entre 9 e 30 anos, están divididas en modalidades específicas para os distintos grupos de idade.
https://www.youtube.com/watch?v=iyK6KsLDT24