Rianxo

Rianxo, epicentro mundial da zanfona durante cinco días

O Festival Internacional Zona da Zanfona, organizado por aCentral Folque coa colaboración do Concello de Rianxo e a Deputación da Coruña, chega á súa XII edición. Rianxo convértese así no epicentro mundial da zanfona do 27 ao 31 de xullo.

Ademais de punto de encontro e espazo fundamental de intercambio musical para zanfonistas, esta cita ofrece unha experiencia musical directa. A súa programación desenvolverase no casco histórico da vila e permitirá ao público ser partícipe de cursos e bailes, así como interactuar e confraternizar con músicos e luthieres. De feito, os presentes no mercado rianxeiro xa puideron desfrutar dunha pequena actuación ambulante de Dúo Sobre Rodas.

Este evento está composto por dúas áreas complementarias. Por unha banda, en Zona da Zanfona terán a oportunidade de desfrutar dun programa formativo con dous cursos. En primeiro lugar, o de iniciación, no cal non son necesarios nin instrumento nin coñecementos previos; e, en segundo lugar, o de perfeccionamento destinado a zanfonistas en activo. O profesorado desta edición está conformado por Anxo Pintos e Óscar Fernández, dúas figuras de prestixio do rexurdimento que vive a zanfona en Galicia.

Así mesmo, dito festival conta cun programa de concertos, bailes, animación de rúas, encontro de tocadores e a exposición «Zanfonistas de Castelao». Esta mostra, comisionada polo Fondo Musical de Rianxo, poderase visitar durante todos os días do encontro na Biblioteca Pública Municipal de Rianxo.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.