Durante a sinatura do convenio entre a Consellería de Sanidade, o Sergas e o Concello de Pontevedra polo que se establecen as bases para a execución das obras de ampliación do hospital, Feijóo aseverou que con esta premisa a Xunta construíu o hospital máis grande que fixo nunca o Servizo galego de Saúde, o Hospital Público de Vigo; ampliáronse as urxencias do Chuac e, neste momento, estase a levar a cabo o equipamento do bloque cirúrxico completo; estase a rematar a ampliación do Hospital do Salnés; estase a levar a cabo a ampliación do Hospital da Mariña e entregarase aos cidadáns de Ourense un novo edificio de hospitalización do Complexo Hospitalario de Ourense; estase a traballar para presentar o Plan director do Hospital de Ferrol e tamén a ampliación do Hospital de Conxo; renováronse 36 centros de saúde e estanse a licitar outros 10.
O responsable do Executivo autonómico salientou que este proxecto de ampliación do Hospital público de Montecelo é froito do consenso e da colaboración institucional entre a Xunta e o Concello.
Máis polo miúdo, o presidente da Xunta explicou que o proxecto para a construción do Gran Montecelo consiste nunha ampliación do actual hospital cara ao sur. Os terreos sobre os que se construirá esta ampliación abranguen unha extensión de máis de 46.000 m²; polo que, no seu conxunto, o novo hospital pasará a ocupar unha superficie superior aos 90.000 m².
Se ben neste momento xa se está a traballar na avaliación das necesidades asistenciais, Feijóo subliñou que entre os compromisos que asume a Xunta figuran: realizar os trámites precisos para a aprobación deste proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, para así obter os terreos onde proceder á construción do inmoble; encargarse da construción das infraestruturas interiores, así como o seu mantemento e o das zonas verdes e espazos libres do recinto hospitalario; e, xunto con isto, tamén se incluirán as reservas de espazo dotacional en previsión de posibles futuras ampliacións de equipamentos.
https://www.youtube.com/watch?v=F7cwE07Sc1U