Queiruga honra á Virxe do Carme neste 26 de xullo

A parroquia sonense de Queiruga vive o último día das súas festas de verán. E, como non podía ser doutro xeito, hoxe houbo unha misa coa posterior ofrenda á Virxe do Carme. A cerimonia estivo amenizada pola Banda de Música de Caamaño e mais un coro. Ata o lugar de Nadelas desprazáronse numerosas persoas, entre fieis, curiosos e autoridades sonenses. O obxectivo estaba claro. Rendirlle homenaxe á patroa dos mariñeiros e recordar a todos aqueles que perderon a vida no mar.

Tras o oficio procedeuse a trasladar a imaxe a carón do mar para realizar a ofrenda floral. A continuación, os asistentes achegáronse á gran sardiñada instalada no campo da festa ao igual que á sesión vermú amenizada pola charanga Mekánica.

A Noite da Xuventude do pasado domingo marcou o inicio destas celebracións. Os veciños e veciñas contaron coas actuacións das orguestas Tango e Capitol, así como da discoteca móbil Deluxe. Por outra banda, a xornada de onte foi especial por partida dobre. Ademais de ser o festivo autonómico, tamén era o día de rendirlle homenaxe á Virxe dos Remedios que comezou coas alboradas a cargo da Asociación Folclórica Chorimas. Despois dos actos relixiosos, houbo unha sesión vermú onde os asistentes tiveron a ocasión de desfrutar dunha mexiollada amenizada pola charanga Rouba Bicos. Xa pola tarde, os cativos puideron gozar con numerosas actividades lúdicas, como os xogos populares e a festa da escuma, seguido ás 19:00 doutra misa. A partir das 23:00, as orquestas Anaconda e Grafitti, xunto coa discoteca móbil Chocolate, encargáronse de facer bailar á xente.

Esta mesma noite, as festas despediranse ata o próximo ano cunha gran verbena a cargo da orquesta La Fórmula e a discoteca móbil La Duendeneta.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.