Deportes

O NOIA PORTUS APOSTOLI REFÓRZASE COA CHEGADA DE DOUGLAS SILVA


O movemento non cesa nos despachos do Noia Portus Apostoli. Logo da baixa dos brasileiros Neguinho e Joao Batista, o club vén de anunciar a primeira incorporación para reforzar o equipo neste segundo tramo da temporada. Únese ao conxunto branco o tamén brasileiro Douglas Silva.

Con 21 anos, o ala destro é una xove promesa do fútbol sala de Brasil e chega ao Agustín Mourís do Acel Chopinzinho despois de conquistar hai menos dun mes a Paranaense Serie Ouro 2022. Ademais de ser nomeado o mellor xogador desa competición. Douglas é un xogador veloz, intenso e xeneroso no esforzo.

O ala brasileiro xa completou o seu primeiro adestramento no equipo noiés, que volveu onte ao traballo. O parón polo Nadal xa quedou atrás, e agora os xogadores dirixidos por Marlon Velasco xa preparan o seu primeiro partido do ano, o que iniciará a súa particular costa de xaneiro. Os noieses terán este mes tres partidos ligueiros contra rivais directos pola permanencia.

O primeiro xogarase o vindeiro día 14 no Agustín Mourís, no que os noieses se medirán ao Córdoba Patrimonio da Humanidade. Equipo co que só teñen unha renda de dous puntos. O seguinte encontro será na pista do Levante, ao que o Portus Apostoli avantaxa en tres puntos. A terceira xornada do ano será contra o Ribera Navarra, un dos equipos que máis en forma estaba antes do parón.

E para goce dos espectadores xaneiro aínda contará cun partido máis. E que volve a emoción da Copa do Rei co enfrontamento de oitavos de final, no que o Noia Portus Aspostoli volverá a medirse ao Córdoba, aínda que nesta ocasión será na pista rival.

Desta forma o cadro noiés encara o primeiro tramo do ano co obxectivo principal que se marcou ao inicio da competición: conseguir a permanencia na Primeira División. E esta pasa por conseguir o mellor resultado posible neste inicio do 2023.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.