As Feiras do Libro de Galicia fan parada esta semana no municipio en Rianxo, onde estarán desde hoxe e ata o domingo 24 de xullo na praza Castelao. A nova edición da feira, que inclúe unha completa e variada programación de actividades, foi inaugurada hoxe polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que destacou o municipio como “berce de ilustres escritores”, en referencia a autores como Castelao, Rafael Dieste e Manuel Antonio. o secretario xeral, referiuSE á condición do concello de “epicentro galego do libro e da dinamización da lectura durante os próximos días”.
A vicepresidenta da deputacion da Coruña, Goretti Sanmartín, deu conta da importancia que ten Rianxo na cultura, agardando que se consolide como vila literaria por excelencia. Dende a Deputación xa se traballa neste eido coa museización da casa de Rafael Dieste.
O alcalde de Rianxo agradeceu o desenvolvemento da feira na vila, e destacou a importancia de comezar a dar sinais de que hai futuro no eido literaio e cultural.
A Feira do Libro de Rianxo abriu hoxe as súas portas para lle achegar á cidadanía, ata o vindeiro 24 de xullo, a produción editorial máis recente, a través das librerías que participan na edición deste ano e de recoñecidos escritores e escritoras, entre as que se inclúen María do Cebreiro –encargada de ler o pregón–, Xosé Manuel Lobato, Miro Villar, Alberto Canal e Ramón Caride, entre outros.
Ademais, para dinamizar o encontro, desenvolvese estes dias unha completa e variada programación de actividades, que inclúe 20 propostas para todos os públicos. A música, que abriu a feira, estará tamén presente co concerto infantil Canta o cuco, con Uxía e Magín Blanco, e promovido pola Agadic; coa actuación da Banda Ateneo de Negreira e co espectáculo que ofrecerá Roi Casal. Tampouco faltarán as artes escénicas, con maxia e un festival de danza; os contacontos, obradoiros e coloquios arredor de novidades editoriais. O pregón inaugural correu a cargo de María do Cebreiro, que falou de Rianxo como unha vila ilustre e literaria, da que se pode falar como un libro.
https://www.youtube.com/watch?v=R3_ZrwptN8c