A sección sexta da Audiencia Provincial acolleu hoxe a segunda sesión do xuízo polo accidente mortal de Palmeira, acontecido en maio do 2019. Ao longo do día emitiron a súas declaracións diferentes testemuñas, ademais da exposición das conclusións da acusación particular e a defensa.
A primeira persoa en comparecer na sesión de hoxe foi a médico forense que desenvolveu un informe de imputabilidade. A profesional sinalou que despois de coñecer o historial médico da acusada, María del Pilar Fernández, de facerlle unha entrevista persoal e de comprobar o seu historial no Imelga realizou a súa valoración. A médico forense afirmou que Fernández é unha persoa consciente dos seus actos e de que non podía conducir despois de consumir alcol xa que unha psiquiatra apuntou no 2018 a necesidade de abstinencia absoluta da acusada.
A médico forense desmontou a versión da acusada no referente ao consumo de alcol e a profesional tamén apuntou que no trastorno adaptativo mixto que padece Fernández non implica a perda da capacidade de xuízo.
A defensa interrogou a diferentes testemuñas que coñecen a zona sobre a perigosidade da curva ou a posibilidade de que o sol deslumbrara a Fernández cando conducía. A Garda Civil foi contundente, sinalando a baixa probabilidade do deslumbramento, ademais de que non habia pegadas de frenada e apuntando que a curva se se toma á velocidade indicada non é perigosa. E confirmou que Fernández tiña o carné de conducir caducado.
Hoxe tamén declararon os fillos da acusada, Kevin e Ramiro Vázquez. Os dous confirmaron que viron á súa nai ese día e que lle dixeron que non collera o coche, ademais de reafirmar os malos tratos sufridos por parte do exmarido da acusada.


