O INTECMAR E O INSTITUTO ESPAÑOL DE OCEANOGRAFÍA suman esforzos na investigación e control das mareas vermellas

O obxectivo deste convenio é predicir, detectar e seguir a evolución das especies de algas microscópicas, con especial incidencia nas que potencialmente poden ser produtoras de toxina.

Neste sentido, esta colaboración busca dar continuidade ao labor de mostraxe que o Intecmar, centro dependente da Consellería do Mar, vén desenvolvendo coa colaboración dos Centros do Instituto Español de Oceanografía de Vigo e A Coruña. Este labor consiste na análise do plancto (pequenos organismos das augas mariñas que son alimento dalgunhas especies mariñas) para detectar a presenza e concentración de organismos potencialmente tóxicos. A través destas mostras tamén se busca detectar os parámetros que poidan influír na presenza de biotoxinas en moluscos, tanto de xeito illado como conxuntamente.

Esta mostraxe realízase con periodicidade semanal ao longo do ano en toda a costa galega e especialmente nas rías onde os cultivos e recursos mariños son máis importantes. A través dela determínanse as condicións hidrográficas e composición da comunidade fitoplanctónica, os pigmentos fotosintéticos e a concentración de nutrintes. Este traballo de seguimento permite garantir que os produtos pesqueiros das rías galegas saen ao mercado en condicións óptimas para o consumo.

Para realizalo o IEO pon a disposición do Intecmar os buques oceanográficos Navaz e Lura e o apoio e colaboración das súas tripulacións. Así, esta entidade deberá dotar as embarcacións de todos os medios humanos e materiais necesarios para a navegación e recollida de mostras. Tamén deberá coordinar co Intecmar o calendario de toma de mostras.

Pola súa banda, o Intecmar tamén deberá dotar ás embarcacións do IEO dos medios materiais necesarios para as mostras. Ademais a esta colaboración a Consellería do Mar destina 384.000 euros. A vixencia deste convenio será dende a súa sinatura ata o 31 de decembro de 2017.

Para o seguimento da execución deste convenio constituirase unha comisión de seguimento composta por dous representantes do Intecmar e dous do IEO e que terá entre as súas funcións avaliar o traballo realizado.

https://www.youtube.com/watch?v=U3YDNToDnsk

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.