Esta mañá tivo lugar a presentación da conferencia interactiva PLANETA AZUL PLANETA AUGA. Bases e principios para a sutentabilidade e o progreso humano que se celebrarán os días 12 e 13 de setembro no Auditorio da Casa da Cultura de Porto do Son.
Esta viaxe polos segredos do Mar, a súa importancia para a Vida do Planeta e para os seres humanos será pilotada por Miquel Ventura Monsó, biólogo, experto internacional en ecosistemas mariños e costeiros e Director da Fundación Mar, sita en Palafrugell (Girona). A Fundación Mar é unha entidade privada sen ánimo de lucro que traballa pola mellora e preservación do medio litoral e mariño como proceso fundamental para garantir o noso benestar e o das futuras xeracións. A súa misión é promover o estudo, o coñecemento e a preservación dos ecosistemas mariños litorais do Mediterráneo e as culturas que integra. A Fundación Mar é un instrumento para a acción, a troca de ideas e a reflexión humana en temas de vital importancia para o desenvolvemento da sociedade. Para nós, os e as sonenses, a súa traxectoria constitúe unha fonte de inspiración que, con certeza, nos levará a ir creando unha mellor forma de relacionamento e agradecemento co noso Atlántico, fonte xenerosa da nosa prosperidade, cerna e motor de Porto do Son, como Vila e como Comunidade humana.
http://youtu.be/KKLOpAm3ILQ