O Concello da Pobra do Caramiñal acollerá a «53 Regata Rías Baixas 2016». Así o anunciaron esta mañá o alcalde da vila, Xosé Lois Piñeiro; o presidente da D.O. Ribeiro, Felicísimo Pereira; o vicepresidente do Real Club Náutico de Vigo, José Antonio Portela; o delegado de vela do Real Club Náutico de Vigo, Jorge Enríquez; e, o director da regata, Fernando Giraldo.
Esta trátase da regata máis importante de Galicia e pode ser que tamén de España. A ela acuden barcos procedentes de diversos puntos da xeografía española, polo que non resulta estraño que acudan numerosos visitantes á vila.
Organizada polo Real Club Náutico de Vigo, a Regata Rías Baixas celebrará este ano a súa 53 edición. A regata consta de catro etapas. Parte de Vigo dirección Sanxenxo, que sería a primeira fase; logo chega ata a Pobra do Caramiñal o día 13 de agosto, convertíndose na segunda etapa; vai a Combarro, correspondéndose coa terceira; e, finalmente, volve a Vigo.
A participación é numerosa, cun número aproximado de 100 embarcacións de todas as categorías e de todo o territorio nacional. Ademais, destaca non só o seu aspecto deportivo, senón tamén o social.
A regata patrocinada por D.O. Ribeiro resulta unha experiencia bonita e interesante, para a cal tan só houbo palabras de agradecemento por parte do Concello da Pobra.
Ao remate do acto entregáronselle uns agasallos ás autoridades da Pobra do Caramiñal como mostra de agradecemento.