A Cámara de Santiago presenta unha proposta para fomentar o emprendemento en Porto do Son e colaborar na xestión do viveiro de empresas de Noal

O presidente da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, Jesús Asorey, e o secretario xeral da entidade, Fernando Barros, reuníronse o pasado luns, día 18, co alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, para presentarlle unha proposta de potenciación do emprendemento e do viveiro de empresas do municipio, situado na zona de A Tarela na parroquia de Noal.

Desde a súa experiencia en creación de empresas e xestión do seu propio viveiro no polígono compostelán de Costa Vella, que este ano cumpre o seu décimo aniversario, a Cámara de Comercio de Santiago ofrece ao Concello de Porto do Son un programa de servizos e actividades para cubrir todo o ciclo de vida do emprendemento, desde o fomento das vocacións empresariais, pasando polo asesoramento na posta en marcha do proxecto empresarial ata a súa consolidación.
Para fomentar o emprendemento no municipio sonense, a Cámara de Comercio de Santiago pon a súa disposición a súa metodoloxía e experiencia. En concreto, a Cámara propón cinco eixos para activar o emprendemento en Porto do Son: dinamización e fomento do espírito emprendedor no ámbito educativo, elaboración, estudo e análise de proxectos, asesoramento xurídico-empresarial, apoio á busca de financiamento e formación para aprender a emprender.

Pola súa parte, Luis Oujo manifestou o seu interese pola proposta e asegurou que a ía estudar e valorar para a súa posible implantación no Concello de Porto do Son. Na actualidade, a Cámara está ofrecendo o seu apoio en asesoramento e xestión ao viveiro de empresas de Riveira, posto en marcha este mesmo ano co respaldo da Deputación da Coruña e a Fundación Incyde.

https://www.youtube.com/watch?v=7VzOJXXpY4Q

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.