A Xunta e o Ministerio de Economía poñen en marcha o proxecto Código 100

O Ministerio de Economía e Competitividade cofinanciará o desenvolvemento do proxecto CÓDIGO 100 en Galicia con 10,4 millóns de euros, no marco do Programa Operativo Plurirrexional FEDER de Crecemento Intelixente 2014-2020 (POCInt). O importe restante distribúese do seguinte xeito: o Sergas achegará 1,3 millóns de euros e a Axencia Galega de Innovación (GAIN), outros 1,3 millóns.
O programa xira en torno a tres liñas de actuación. A primeira busca promover unha maior participación do usuario do sistema sanitario no proceso terapéutico e un maior empoderamento dos doentes.
A segunda das liñas ten como meta avanzar na personalización das terapias e tecnoloxías de diagnóstico para unha asistencia sanitaria máis eficaz e eficiente, fomentando a incorporación ao sistema público de saúde de novas terapias e tecnoloxías que se atopen en fases finais de desenvolvemento, como biomarcadores avanzados para diagnóstico e prognóstico de enfermidades, dispositivos médicos ou desenvolvementos TIC.
A última das liñas de actuación consiste en dinamizar o coñecemento sanitario co obxectivo de obter un maior impacto en todas as liñas de actuación.
O conselleiro de Sanidade destacou, no acto de hoxe, que esta iniciativa é froito dun traballo de máis de dous anos, realizado por un equipo multidisciplinar da Consellería de Sanidade e do Sergas, agora coordinado dende a Axencia de Coñecemento en Saúde, (ACIS).

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou que o proxecto CÓDIGO 100 se enmarca dentro da aposta da Xunta pola Compra Pública Innovadora, unha ferramenta para a contratación de servizos e proxectos na que Galicia é unha das comunidades pioneiras e que permite apoiar á innovación empresarial e dar resposta ás necesidades dos servizos públicos, ao tempo que facilita ás empresas ser máis competitivas na medida en que a Administración se converte no seu primeiro cliente, compartindo e desenvolvendo iniciativas innovadoras.

Neste senso, Conde subliñou que este proxecto se enmarca dentro da aposta da Xunta pola Compra Pública Innovadora, unha ferramenta de contratación que permitiu mobilizar en Galicia preto de 160 millóns para 10 iniciativas

https://www.youtube.com/watch?v=H7EEgjKAgq4

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.