Tralos contínuos roubos que se viñan sucedendo no municipio de Lousame, tanto nas instalacións municipais como a particulares, o grupo de Goberno sacou adiante, por unanimidade, unha moción urxente para solicitar un reforzo do servizo de vixianza da Garda Civil. Entre os últimos roubos figuran cableado en distintos puntos do municipio, desbrozadoras, gasóleo, material da piscina municipal e do campo de Cabanetán, o que fai sufrir as arcas municipais.
O pleno municipal de Lousame autorizou tamén a sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello de Lousame e a Comunidade Veciñal de Montes en Man Común de Abeixón-Carantoña para a posta en valor de algo máis de 96 hectáreas da contorna da capela de San Lourenzo.
Relacionadas coa conservación e posta en valor do patrimonio natural e cultural lousamiano tamén estaban as tres mocións presentadas polo BNG, que foron aprobadas por unanimidade. A primeira delas solicitaba a recuperación do acceso á capela de San Lourenzo polo camiño vello, mentres que a segunda pide actuacións de limpeza no camiño cara as minas de San Finx seguindo o río. A terceira moción nacionalista, na que se pedía a recuperación e sinalización como ruta de sendeirismo das escaleiras de Tállara a Guiende, foi modificada no pleno como moción conxunta de todos os grupos municipais. O pleno aprobou por unanimidade iniciar un estudo sobre o valor patrimonial das escaleiras de Tállara a Guiende e xestionar ante a Dirección Xeral de Patrimonio a protección deste ben, previo á realización de actuacións para a súa posta en valor.
A moción máis debatida foi a presentada polo PsdeG, cuxo voceiro Julio Paradela denunciaba que “o transporte escolar do CPI Cernadas de Castro non se achega a moitos sitios e moitas familias se ven obrigadas a estudar noutros lugares” e instaba ao Concello a “arranxar a situación e facilitar a escolarización en Lousame”. Unhas afirmacións que motivaron que a alcaldesa de Lousame puntualizara que o Concello pode mediar e axudar ás familias pero non ten competencia algunha sobre o transporte escolar.Tras varias intervencións, finalmente establecéronse que eran dous casos: Albariza e Arxellas.
“Albariza pertence a Noia. O transporte público escolar se organiza por zonas educativas que non teñen que coincidir cos concellos. Por exemplo, dúas aldeas de Noia veñen a Lousame”, explicou a alcaldesa, quen tamén puntualizou que “en Camboño os alumnos van a outro centro por proximidade. Reuninme no local social de Camboño coas familias cuxos nenos van a Portosín e hai un rechazo total a ese cambio. Só hai tres familias interesadas en vir a Lousame e xa fixemos a xestión para que poidan vir ao CPI Cernadas de Castro, pero terían que trasladarse ata a parada máis próxima en Merelle”.
Tras un longo debate, finalmente todos os grupos acordaron por unanimidade que o Concello de Lousame seguirá a facer as xestións pertinentes ante as Administracións competentes para intentar artellar un sistema a curto prazo que facilite o acceso ao CPI Cernadas de Castro.
Pola súa banda, o BNG presentou unha moción urxente de condena da ditadura franquista. A moción, aprobada por unanimidade, insta ao Concello de Lousame a condenar a ditadura franquista, promover actuacións de recuperación da memoria histórica, realizar unha homenaxe a cargos públicos vítimas da represión e eliminar toda simboloxía franquista no municipio.
https://www.youtube.com/watch?v=Z0V2pbsznBI