A comarca da Barbanza puxo punto e final á festividade do Carme con diversas actividades. A parroquia ribeirense de Aguiño celebrou unha sardiñada, á cal se achegaron numerosas persoas. Na Pobra do Caramiñal tamén se despediron onte das festas do Carme do Castelo. Os fogos artificiais foron os encargados de poñer o broche final ás festas que honran á patroa dos mariñeiros en Cabo de Cruz. E, en Rianxo, concluíu cunha verbena.
Por outra banda, en Muros celebrouse a XXIV edición da homenaxe que a cofraría e o Concello rinden aos mariñeiros xubilados. A cita contou coa presenza da conselleira do Mar, Rosa Quintana; coa alcaldesa, María Xosé Alfonso; e co patrón maior, Daniel Formoso. Os actos comezaron cunha misa, despois da cal tivo lugar dita homenaxe coa entrega de placas e obsequios aos mariñeiros. Nesta ocasión, todos eles eran persoas nacidas en 1938 e, por primeira vez, acudiron varias mulleres que se xubilaron como mariscadoras. A conselleira subliñou o traballo realizado polos profesionais do mar.
https://www.youtube.com/watch?v=J8JeQGI3zkQ