A Festa da Dorna xa comezou esta mesma tarde co «enjalanamento das fanequeiras» ao redor das 17:49. Todos aqueles que desexen mover o esqueleto ao ritmo do himno dorneiro poderán achegarse ata a Rúa do Sal onde está previsto que ás 22:31 da noite comece o «lidá do facho dorneiro». Media hora máis tarde terá lugar a «serimonia de inisiasión» dende a Porta do Sol. Alí darase oficialmente o pistoletazo de saída a esta gran festa de Ribeira e farase entrega da Dorneiriña ás peñas dorneiras. E, xa ás 23:57 da noite, o «dansin in de siti» encherá as rúas e prazas coa música de diversos DJ’s.
Na xornada do sábado serán varias as fanequeiras que participen ás 13:07 da tarde na «III Ruta Estrelas Mijelín de Tapas», mentres que ás 16:33 da tarde comezarán os «XXIII Xojos e Deportes Populares de Terra» no merendeiro de Coroso. Pola noite, ás 22:02, serán moitos os que se deixen a gorxa no «XXVI Sertame Itine-Rante de Cansión de Tasca».
A mañá do domingo iniciarase ás 11:32 coa «II Feira de Artesanía Arte e Ajro» que estará montada no Malecón e ás 13:07 da tarde celebrarase a segunda xornada da «III Ruta Estrelas Mijelín de Tapas». Xa pola tarde, as 16:58, a rúa Rosalía de Castro acollerá a exposición das carrilanas que participarán no «Jran Prix de Carrilanas» previsto para as 21:07 da noite. A festa continuará co «Consierto Kerman» no Malecón a partir das 22:30.
Pero non se preocupen porque a festa non acaba aquí. Este ano, e a diferencia das «sinjladuras» pasadas, os curtidos na arte desta popular festa e os «jodechinchos» poderán desfrutala durante dez días. Así que xa saben, collan enerxía porque lles esperan xornadas de moita parranda.
https://www.youtube.com/watch?v=hPYnunAjrYw