A Xunta de Galicia incorporará a “Igualdade de Xénero” como materia de Libre Configuración Autonómica o vindeiro curso 2016-2017, unha ferramenta educativa máis coa que se busca concienciar aos rapaces e rapazas sobre a importancia da igualdade nas relacións persoais e sociais e, deste xeito, contribuír a evitar condutas de violencia
O vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda; e mailo conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez; presentaron hoxe esta oferta educativa, nun acto no que estiveron acompañados da secretaría xeral da Igualdade, Susana López Abella.
Galicia convértese así na segunda comunidade autónoma en incluír no currículo educativo unha materia sobre igualdade de xénero.
A materia, que poderán cursar alumnos de 1º e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) dos centros que a soliciten, terá unha carga horaria dun período lectivo semanal. O seu contido foi elaborado por técnicos docentes da Consellería de Educación en colaboración con especialistas da Secretaría Xeral da Igualdade. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda destacou a relevancia de seguir a dar pasos cada día a prol da igualdade real de homes e mulleres, un obxectivo no que están involucrados todos os departamentos da Xunta de Galicia.
Rueda mencionou os avances logrados nos últimos anos en materia de igualdade e na loita contra a violencia de xénero, como a entrada da Policía Autonómica nos labores de protección das vítimas, a rede de casas de acollida, as axudas económicas ás vítimas, para que poidan emanciparse dos seus agresores e a oferta de todo tipo de atención psicolóxica, formación, asesoramento legal, entre outros.
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, coincidiu en sinalar que esta materia de nova incorporación ten un obxectivo claro de concienciar aos rapaces na importancia de avanzar no ámbito da igualdade, fomentar o seu espírito crítico ante situacións de desigualdade, que dispoñan de ferramentas para evitar e prever ese tipo de situacións, e aceptar que a diversidade contribúe a enriquecer as nosas relacións sociais e persoais.
Segundo Román Rodríguez, esta materia específica que agora se pon en marcha é un paso máis nesta liña, e que vén de reforza o tratamento transversal que xa se lle está dando á igualdade en todas as etapas educativas, e así figura nos currículos de Primaria, ESO e Bacharelato.
https://www.youtube.com/watch?v=uAnx2bVNOh4