Como principal novidade, o programa deseña todos os contidos en base ás competencias que deben adquirir os docentes para axudalos no desenvolvemento da súa profesión, entre as que destaca a potenciación das competencias STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática). Deste xeito, o novo plan establece por primeira vez un marco xeral de competencias profesionais docentes que favorecerán a mellora dos programas de formación, unha liña de traballo que a Consellería iniciou o curso pasado e que agora se ve reforzada.
Durante a súa intervención, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia aproveitou para facer un balance do último curso, así como dos logros acadados durante os últimos anos. Deste xeito, no 2015/2016 organizáronse 2.224 actividades formativas, un 6,5% máis que o ano anterior, o que supón máis de 12 actividades diarias por día lectivo. Román Rodríguez subliñou que ao longo destes últimos catro anos se avanzou significativamente na formación permanente do profesorado. En concreto, leváronse a cabo un total de 8.148 actividades formativas, un 17% máis que no período anterior; ofertáronse 215.000 horas, un 6% máis; e outorgáronse preto de 143.000 certificados de formación, fronte aos 120.000 anteriores.
A maiores, tamén cómpre destacar a aposta dos centros educativos por desenvolver o seu propio plan de formación, establecendo así accións concretas vinculadas ás necesidades dos seus proxectos educativos. Deste xeito, e mentres que no curso 2012/2013 só había 68 centros con plans específicos, hoxe xa son 297 os que o teñen, un número que se incrementará o vindeiro ano académico, posto que para o curso 2016/2017 xa se recibiron un total de 427 solicitudes