O pleno municipal de Lousame celebrou hoxe unha sesión plenaria extraordinaria co obxectivo de aprobar a desestimación do recurso de reposición interposto por Millenium Insurance Company contra a decisión plenaria do pasado mes de abril de incautar a garantía de 41.671 euros polas deficiencias cometidas por esta empresa na execución do vial de enlace entre a DP-4201 e a DP-1105. Un acordo firme que lle será comunicado de inmediato á aseguradora e que pon fin á vía administrativa. Polo tanto, non cabe recurso algún.
O acordo foi aprobado cos 7 votos a favor do PP e BNG e coas dúas abstencións do PSOE. Dita resolución deixa sen efecto a petición de suspensión administrativa solicitada por Millenium Insurance Company, a quen se lle require facer o ingreso da garantía de 41.671 euros na conta do Concello de Lousame ou na Tesourería municipal. No caso de que a empresa sexa notificada antes do 15 de xullo, deberá abonar a garantía antes do 20 de agosto; e, se pola contra, a notificación chega entre o 16 e o 30 de xullo, o abono quedaría para o 5 de setembro.
Estes prazos foron os que motivaron a celebración do pleno extraordinario, xa que canto antes se ingrese o aval, antes poderá o Concello executar subsidiariamente as obras de reparación dos defectos atopados neste vial e orzamentados en 53.241’78 euros. Unha vez executadas as obras, o que exceda sobre o aval incautado reclamaráselle ao contratista. Isto é posible porque estes traballos, adxudicados en novembro de 2010, contaban cun prazo de 5 anos de garantía, polo que diante das deficiencias aparecidas na obra en 2015, o Concello decidiu iniciar este procedemento.
Ademais, a corporación acordou por unanimidade cambiar a sesión plenaria ordinaria deste mes para o próximo luns 18 de xullo, ás 20:30 da tarde.
https://www.youtube.com/watch?v=Qu8AVq-a3L8