Os portos de titularidade autonómica da ría de Arousa recibiron 203 barcos en tránsito durante o primeiro semestre deste ano. Así o comunicou esta mañá o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, nunha visita ao peirao de Vilanova.
Segundo datos facilitados polos propios xestores, as dársenas de Ribeira, A Pobra, Cabo de Cruz, Rianxo e Vilanova incrementaron nun 40% de media o número de embarcacións en tránsito respecto ao mesmo período do 2015. Máis polo miúdo, Vilanova de Arousa recibiu este ano 20 embarcacións en tránsito; Ribeira, 50; A Pobra do Caramiñal, 87; Cabo de Cruz, 33; e Rianxo, 13. Deste xeito, a ría de Arousa confirma a consolidación desta actividade portuaria que experimentara xa o ano pasado un importante ascenso e que no que vai de 2016 está a manter os bos resultados.
Respecto ao conxunto dos peiraos autonómicos da nosa comunidade, estes superaron nos seis primeiros meses do ano as cifras de tránsitos do ano anterior nun 9%. En canto ás procedencias das embarcacións en tránsito, maioritariamente foron estranxeiras.
Para Portos de Galicia, a captación de novos tránsitos é unha liña de traballo estrutural, tal como se recolle no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020 que o ente público está a poñer en práctica. Co obxectivo de impulsar estas chegadas, estanse a desenvolver accións promocionais dos portos deportivos de Galicia a nivel nacional e internacional.
Ademais, Portos de Galicia ten previsto continuar participando en eventos de referencia no sector do turismo náutico en base á súa incidencia nas cifras de captación de actividade náutica para os peiraos galegos.
https://www.youtube.com/watch?v=0eFyFjqSii0